Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Avanzan as obras no campo de fútbol do Pinguel, que estará de novo a disposición dos equipos no prazo dun mes

O alcalde, a concelleira de Deportes e o concelleiro de Obras achegáronse ata o recinto deportivo para interesarse polo desenvolvemento dos traballos

No prazo máximo dun mes volverá a estar operativo o campo de fútbol do Pinguel. O alcalde, Lois García Carballido; a concelleira de Deportes, Raquel Fondo, e o concelleiro de Obras e primeiro tenente de alcalde, Miguel Ángel González, achegáronse ata a instalación municipal para interesarse polo desenvolvemento dos traballos, que avanzan a moi bo ritmo.

Nestes momentos estase procedendo ao levantamento de toda a base do recinto, xa que o campo asentábase sobre un recheo moi defectuoso que provocaba afundimentos. Para evitar esa situación instalaranse drenaxes e mellorarase toda a contorna do campo antes de colocar o novo céspede artificial de última xeración, que converterá O Pinguel nun dos mellores campos de fútbol da Costa da Morte.

De feito, para a certificación final o céspede deberá pasar as probas precisas para conseguir o distintivo FIFA Quality Pro, que garante as mellores prestacións de xogo para o fútbol profesional.

O Concello de Ponteceso financia con fondos propios, procedentes do superávit municipal, a reforma do Pinguel. A obra foi licitada por preto de medio millón de euros e adxudicada á empresa Calfensa por 429.000. A substitución do céspede era unha insistente demanda das entidades deportivas que utilizan o recinto municipal, Ponteceso SD e Veteranos Ponteceso, que agardan con gran expectación o remate da actuación.

Concello de Ponteceso