Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Os mozos e mozas do Sistema de Garantía Xuvenil poderán achegarse ao mundo laboral na Feira do Emprego da Cámara de Comercio

• A feira celebrarase o martes 24 de setembro en Bergondo
• Dende Ponteceso sairá un autobús, de balde, ás 08.30 horas

O teu futuro empeza aquí é o lema dunha nova Feira do Emprego organizada pola Cámara de Comercio da Coruña, nesta ocasión en Bergondo. O obxectivo é achegar aos mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil ao mundo laboral.

Con esa intención haberá puntos de información, casetas de empresas, orientadores que asesorarán aos mozos e mozas sobre as mellores tácticas á hora de buscar emprego e seminarios impartidos por expertos en inserción laboral, nos que se tratará sobre as profesións con maior demanda, o desenvolvemento de habilidades para aumentar a autoestima, as claves para ter éxito nunha entrevista de traballo ou como utilizar as redes sociais como ferramenta para atopar traballo.

A xornada celebrarase de 09.00 a 14.00 horas. Dende o noso concello sairá un autobús, de balde, ás 08.30 horas. Os mozos e mozas interesados en utilizar este servizo deberán estar á hora fixada na gasolineira de Ponteceso.

A Feira do Emprego está enmarcada no Programa Integral de Cualificación e Emprego (Programa PICE) e está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil no Marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020, en coherencia coa Estratexia de Emprendemento e Emprego Novo do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

A iniciativa vai dirixida en exclusiva a mozos e mozas de ata 30 anos de idade que estean rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. As inscricións poden facerse online a través da páxina web que figura máis abaixo, e tamén está á vosa disposición o teléfono de información 981216072.

Ligazóns recomendadas


Concello de Ponteceso