Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso súmase á indignación social pola falta de subministro eléctrico nunha xornada de importantes inundacións

O alcalde anima aos veciños a reclamar a Naturgy, ao tempo que, pola súa parte, presentará unha queixa en Industria ?polo maltrato ao noso concello?

Despois de máis de dez horas sen subministro eléctrico, no noso concello aumenta a indignación veciñal pola falta de servizo nunha xornada marcada polas inundacións. ?Nun día de inundacións, cos veciños do centro achicando auga, Naturgy non pode castigarnos 12 horas sen luz?, denuncia o alcalde, Lois García Carballido, que anuncia unha queixa oficial do Concello de Ponteceso ante a Consellería de Industria ?polo maltrato ao noso concello?. Ao mesmo tempo, animamos a todas as persoas afectadas a presentar reclamacións á empresa subministradora polas importantes perdas que supón a falta de luz, pero, sobre todo, polos danos materiais tan cuantiosos que está a provocar a auga por non poder utilizar bombas de achique.

As persoas que dispoñan de seguro deben dar parte, e as que non o teñan poden presentar tamén informe pericial dos danos e reclamar a Naturgy, con copia a Consellería de industria. Os veciños poden presentar as reclamacións á Consellería de Industria a través do Rexistro do Concello de Ponteceso.

O alcalde púxose en contacto co responsable de Naturgy para pedirlle explicacións. Segundo indicou o representante da empresa, producíronse dúas avarías en dúas liñas, e os traballos para reparalas continúan a esta hora, pasadas as 18.00 horas, sen solución.

O Concello de Ponteceso está a recibir numerosas queixas da veciñanza, que cualifica a situación como ?terceiromundista?. Ademais das perdas económicas, debido ás avarías eléctricas tampouco funciona a telefonía de R. Para evitar que os veciños queden incomunicados por non poder cargar as baterías dos seus móbiles, abrimos as portas da Casa do Concello para as persoas que precisen recargalos.

Dende o Concello de Ponteceso insistimos na necesidade de reclamar para que a empresa asuma a responsabilidade e as Administracións competentes tomen cartas no asunto.

Concello de Ponteceso