Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O control das sacas de madeira por parte do Concello contribúe a preservar o medio ambiente e garante a conservación das vías

O alcalde, Lois García Carballido, apela á profesionalidade das empresas do sector forestal que operan no municipio

Preservar o medio ambiente e conservar os camiños e vías públicas municipais son obxectivos prioritarios para o Concello de Ponteceso á hora de autorizar as sacas de madeira dentro do noso municipio. Por iso, dende a Concellería de Seguridade está a realizarse un minucioso traballo de cara á autorización das talas, que requiren un informe previo por parte dos servizos técnicos municipais e un seguimento permanente por parte da Policía Local, así como o depósito dunha fianza por parte dos madeireiros para garantir o bo estado da rede viaria.

O departamento de Faustino Santiago Lema é o encargado de dirixir e supervisar o procedemento, que, tal como apuntou o alcalde, ?implica a realización de numerosos trámites administrativos?, pero, ao mesmo tempo, Lois García Carballido tamén se amosou satisfeito pola profesionalidade dos madeireiros que están a traballar respectando as condicións establecidas na ordenanza municipal.

Por parte do Concello de Ponteceso trabállase para facer compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección paisaxística, a conservación dos camiños e a seguridade viaria, que son as grandes preocupacións da veciñanza. O procedemento establecido permite dar resposta a esa demanda da poboación e tamén facilitar o traballo dos madeireiros, por exemplo mediante o establecemento dunha garantía anual para aqueles que traballan con frecuencia no territorio municipal.

Concello de Ponteceso