Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O profesor Juan de Vicente Abad visita o Espazo Educar do Couto para ofrecer unha conferencia dirixida a familias e profesorado

-Esta iniciativa está enmarcada no programa multidisciplinar desenvolvido na Fundación Eduardo Pondal coa colaboración do Concello de Ponteceso, a Xunta de Galicia e o Centro de Formación e Recursos CFR da Coruña

-As propostas dirixidas á comunidade educativa continuarán coa visita o martes 4 do psicopedagogo Juan Vaello Orts e o ciclo de obradoiros Steam en familia

A Fundación Eduardo Pondal acollerá neste último día do mes un encontro co profesor e orientador Juan de Vicente Abad dentro do programa multidisciplinar Espazo Educar, unha iniciativa xurdida precisamente a raíz da súa visita ao IES de Ponteceso o pasado mes de maio para abordar a mediación de conflitos na aulas, que está a desenvolver a Fundación Eduardo Pondal coa colaboración do Concello de Ponteceso, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e o Centro de Formación e Recursos CFR da Coruña.

Nesta ocasión, Juan de Vicente chegará a O Couto disposto a desvelar e compartir con pais/nais e profesorado de todos os centros educativos do municipio as claves para mellorar a convivencia escolar e resolver, de maneira satisfactoria, os posibles problemas que poidan xurdir no día a día. Será a partir das 16.00 horas!

Juan de Vicente Abad é un experto en resolución de conflitos, interculturalidade e convivencia escolar, ademais de Líder de Cambio no seu centro de ensino (IES Miguel Catalán, Coslada), impulsando proxectos interdepartamentais dirixidos a mellorar as relacións persoais na comunidade educativa e a promover a cooperación entre os estudantes e as institucións locais. En 2016, resultou gañador do Certamen D+I ao docente máis innovador de España. Imparte formación a outros membros da comunidade educativa, publica periodicamente artigos especializados e é autor do libro “7 ideas clave: escuelas sostenibles en convivencia” (2010) e co-autor do “Modelo integrado de mejora de la convivencia” (2006) e de “Sistemas de apoyo entre iguales “ (2019).

O ciclo de conferencias dirixidas á comunidade educativa continuará no Espazo Educar o martes 4, ás 17.00 horas, coa charla que pronunciará o psicopedagogo, orientador e profesor Juan Vaello Orts sobre “Como ensinar aos que non queren”, titulo tamén dun dos seus libros máis coñecidos, no que detalla algúns dos segredos da boa ensinanza.

Juan Vaello Orts conta cunha dilatada experiencia como psicopedagogo, orientador e profesor, tras toda unha vida dedicado á educación. Director, inspector e profesor-titor da Psicoloxía Xeral e Evolutiva na UNED, é tamén autor dunha serie de libros que nunca deberían faltar nunha biblioteca escolar para uso e formación dos seus docentes. Entre as súas obras máis destacadas atópanse “Resolución de conflictos en el aula” (2003), “Las habilidades sociales en el aula” (2005) e “Como dar clases a los que no quieren”(2007) ou “El profesor emocionalmente competente” (2009).

Steam en familia
A partir do mes de febreiro, o alumnado do noso municipio tamén poderá sumarse ao programa de actividades educativas do Espazo Educar participando no Steam en familia, un conxunto de propostas dirixidas a pais/nais e alumnos/as co obxectivo de promover iniciativas que favorezan encontro e a convivencia interxeracional.

A primeira acción terá lugar o sábado 15 e tratará sobre “Muller e Ciencia”. Ademais, a partir das 11.00 horas, haberá xornada de portas abertas das aulas científicas “Isidro Parga Pondal” baixo o título “A nena e a ciencia”.

Por outra banda, o xoves 20 realizarase un taller de robótica con Gerardo Reino, que contará co apoio de Maker Store by Allnet, e o día 27 será a quenda dos drons, a cargo do colectivo XeocLip. A programación completarase en marzo con divertidos obradoiros nos que non faltarán a impresión 3D, a arquitectura e as matemáticas recreativas.

As sesións celebraranse de 17.00 a 19.00 horas e o acceso ás mesmas será de balde.

Concello de Ponteceso