Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Presentada en Riazor a camiseta que vestirán os xogadores do Puenteceso SD no partido benéfico contra os Veteranos do Deportivo

A presentación coincidiu coa conmemoración do Día Mundial do Cancro, xa que a recadación do encontro irá destinada á AECC

Este sábado no Concello de Ponteceso imos ter moito que celebrar porque o fútbol regresará ao campo municipal do Pinguel tras as obras de reforma acometidas nos últimos meses. E farao por todo o alto para acoller a celebración dun partido solidario a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro, no que se darán cita as "vellas glorias" da Puenteceso SD e os Veteranos do Real Club Deportivo de A Coruña.

Coincidindo co Día Mundial contra o Cancro tivo lugar no Estadio Abanca-Riazor da Coruña a presentación do encontro e da camiseta que lucirán os nosos xogadores o día 8.

O concelleiro de Asociacionismo, Normalización Lingüística e Medio Rural, Salvador Eiroa Ameijenda, e a concelleira de Deporte, Turismo, Festexos e Dinamización Económica, Raquel Fondo Pérez, desprazáronse ata a cidade herculina para asistir á presentación do encontro no estadio coruñés e dar a coñecer a nova camiseta que lucirán os xogadores do equipo local, na que figura un gran lazo rosa como símbolo da loita contra o cancro e unha mensaxe de ánimo e esperanza na parte posterior: “Non te rindas”. Xunto a eles estiveron tamén o porteiro deportivista Dani Mallo, en representación da Asociación de Veteranos do Dépor; Guillermina Rodríguez, vicetesoureira da Xunta Provincial da AECC, e Julia Blanco Fondo e Marina Beizana Rioboo, presidenta e secretaria da Xunta Local AECC Cabana de Bergantiños, respectivamente.

Programa
Todas as persoas interesadas en asistir a este histórico partido poderán adquirir a súa entrada polo módico prezo de 3€, que irán destinados integramente á Asociación Española Contra o Cancro, ao igual que as dietas da xornada do trío arbitral, integrado por Edgar Soto Eiroa, Marcos Ordóñez e Pablo Rama. Ademais, con cada tícket, os espectadores recibirán un pano conmemorativo a modo de recordo.

Pero este sábado a música tamén compartirá protagonismo co deporte e coa solidariedade no campo do Pinguel. A Banda de Gaitas Inllar, a artista local Clara Amado e o grupo de música My Way serán os/as encargados de amenizar, tamén de forma gratuíta e desinteresada, unha xornada festiva que arrincará ás 12.00 horas e que nos deparará máis dunha sorpresa como, por exemplo, a que protagonizará unha importante e afamada actriz galega. Xa sabedes de quen se trata? Pois máis vale que non faltedes á cita!

Concello de Ponteceso